Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

viernes, 26 de junio de 2009

Novo blogano?

Amigos todos: Acabo de poñerme en contacto con Herminio Cambeiro Cives dándolle noticia deste blog. Espero que pronto dea sinais de vida. Cambeiro rematou a filosofía en Sanmartiño. Tiña grandes inquietudes. Unha personalidade de base altruísta . Lembro que a súa idea era axudar e servir onde fixese mais falta o que o levou ,xunto a outros compañeiros,a irse para o seminario que tiña a OCSHA (Obra de cooperación sacerdotal hispano americana). Aí perdinlle a pista. No ano 1989 destináronme ao Instituto no que traballo e teño un compañeiro que se apelida Cambeiro Cives. E irmán, mais novo, de Herminio. A través del tiven noticias súas. Adicouse a melloralas condicións dos traballadores do ensino e a calidade do mesmo. Xa el nos contará algo mais para poñernos ao día. Rafael


N.B. Información legal:RECOÑECEMENTO DE MINUSVALIA. Os que teñades algunha avaría crónica e unha saúde deteriorada podedes solicitar ante a Consellaría de servizos sociais da Xunta de Galicia un recoñecemento do grao de minusvalía que se é igual ou superior ao 33% ten sobre todo vantaxes fiscais, entre outras as mais importantes son:


    • Exención do pago do imposto de matriculación na adquisición de automóbil.

    • Exención de pago do imposto anual de circulación de vehículos.

    • Unha dedución importante no I.R.P. F que pode supor un aforro de mais de 1000 E na couta do imposto.

    • Poden existir outras vantaxes pero xa dependen da renda dispoñible de cadaquén.

Estas vantaxes non teñen nada que ver coa Seguridade Social nin coa Lei de Dependencia; Son axudas a discapacidade que xa hai moitos anos que existen pero das que hai unha gran ignorancia a veces entre os propios médicos. Se lle poden servir de axuda a alguén mellor,

lunes, 22 de junio de 2009

Longa noite II ( Eduardo)

Sigo co galego. Estou recibindo moitos correos de Nova Escola Galega, movemento de renovación pedagóxica nacido en 1983, coa ilusión de renovar a escola e en galego.

Achégovos esta nota de prensa que non sei se se chegou a publicar ou correu a sorte da Carta ao director (Voz) de Rafael.

Analiza distintos aspectos da consulta, pero non estaría mal fundamentar algún dos seus argumentos nos textos legais que ti citas, Rafael. Vese que non está feita por mentes xurídicas.

Podería mandarlle a túa argumentación xurídica por se queren presentar algún recurso?

Ata a próxima


NOVA ESCOLA GALEGA CONSIDERA UNHA FRAUDE DE DIMENSIÓNS ESCANDALOSAS A CONSULTA ÁS FAMILIAS SOBRE O IDIOMA
• NOVA ESCOLA GALEGA considera evidente que o goberno galego busca un único resultado, prefixado de antemán, É obvio que se lles pregunta por aspectos nimios referidos a como diminuír a presenza do galego do ensino. É obvio tamén que as posibles opcións de resposta non desexadas polo goberno, non se ofrecen, sen máis.
• No cuestionario fúrtaselles ás familias a posibilidade de poder optar por un ensino todo en galego. Pola contra, si se ofrece a posibilidade de optar por un ensino todo en castelán. Será esta, xa que logo, a tan proclamada liberdade lingüística?
• Entende NOVA ESCOLA GALEGA que a consulta as familias articúlase sobre unha metodoloxía acientífica e un proceso global que non ofrece garantías suficientes para a protección de datos das persoas consultadas.
• Este Movemento de Renovación Pedagóxica acaba de facer público un número do seu boletín NEG-Opina dedicado por enteiro á consulta ás familias sobre a lingua.

Comunicado de prensa

NOVA ESCOLA GALEGA, quere denunciar publicamente a fraude que se está cometendo nestes días coa pretendida consulta ás familias sobre os idiomas que debe empregar o ensino. Unha consulta realizada sen o máis mínimo rigor científico nin metodolóxico da que cabe esperar un só resultado, o que desexa con vehemencia o goberno galego, comprometido con grupúsculos minoritarios que o elevaron ao poder, logo de facer da cuestión lingüística un instrumento de confrontación social. Recorda NOVA ESCOLA GALEGA que ao comezo das preto de tres décadas do proceso de normalización, nunca se puido albiscar sequera que chegariamos ata aquí coas mouras perspectivas que se anuncian para a lingua dende o actual goberno da Xunta. Non parecería lóxico pensalo, habendo como había un consenso amplo no tocante á lingua que, con maior ou menor intensidade, se recollía na Constitución (1978), no Estatuto de Autonomía (1981) e na Lei de Normalización Lingüística (1983), así como no Plan Xeral de Normalización da lingua galega (2004). O actual goberno galego anuncia como medida “estrela” do seu mandato a derrogación inmediata do decreto en vigor, mesmamente cunha ignorancia total dos procedementos legais ao respecto, e como primeiro chanzo desta desfeita dá noticia dunha enquisa –consulta- aos pais e nais sobre a presenza da lingua na escola. Nos moitos anos que levamos no mundo do ensino non lembramos ningunha outra ocasión –e houbo motivos abondo- en que se utilizase este instrumento para saber a opinión de toda ou parte das comunidades educativas, abrindo ademais unha vía paralela, e distorsionadora a respecto do traballo e das decisións dos seus órganos representativos, democraticamente elixidos. Cabería preguntarse se a Consellería considera que esas diferentes representacións non son suficientes para que poidan asumir as decisións relativas á escolarización, tal e como veñen facendo ata agora cos proxectos lingüísticos dos centros. Por que se produce, logo, unha consulta que ignora absolutamente estes órganos de goberno? Por que exclusivamente para a lingua? Moitos son os interrogantes que se podan plantear sobre a orixe e necesidade da enquisa-consulta. Velaquí algúns:
- Descoñece o goberno galego os principais indicadores sobre uso e presenza do galego no ensino?
- Pretende delegar a súa obriga de dotar o sistema educativo dos contidos curriculares oficiais tomando como referente substantivo a opinión das familias recollida nesa pseudoconsulta?
- É sensato focalizar a nova armazón lexislativa, anunciada con perspectiva de consenso e de continuidade, cunha “fotografía” do 2009, realizada nun momento de especial confrontación sobre a lingua?
- Onde está a responsabilidade do Parlamento e do Goberno? Semella evidente que a partir dunha consulta, fraudulenta desde a súa mesma concepción e perversa desde o uso que se lle outorga ao concepto democracia para conseguir un obxectivo definido de antemán, procúrase que o resultado dea pé e sustento a unha modificación normativa de rebaixa no uso do galego no ensino. Esta constatación aparece probada se se ten en conta que o texto dos cuestionarios utilizan de maneira nesgada a terminoloxía de materias “troncais”, furtándoselles ás familias a posibilidade de poder optar por un ensino todo en galego –agás as áreas das segundas ou terceiras linguas-. Non existe tal posibilidade na enquisa presentada. Pola contra, si existe na práctica, a posibilidade de optar por un ensino todo en castelán. Esta é, xa que logo, a tan proclamada liberdade lingüística? Cómpre indicar tamén que as persoas que opten por marcar a casa de “Galego” (Ed. infantil e FP) ou “Todas en galego”, en realidade ao que se están referindo é só ás chamadas materias “troncais”. É dicir, que neste caso só estaremos optando polo que recolle xa o decreto en vigor. Calquera outra resposta supón necesariamente un retroceso no uso do galego como lingua vehicular. Desde un punto de vista estritamente pedagóxico, a enquisa tamén é indefendible. Como se pode formular a posibilidade da aprendizaxe da lectoescritura en máis dunha lingua na educación infantil? Ou como se pode falar de materias “troncais” en educación primaria? Descoñecen que nestas etapas teñen unha importancia vital áreas que para eles parecen ser de segunda categoría? E que pasa cos demais contidos de educación infantil que non son de lectoescritura e non figuran na consulta? ¿Ignoran as propias leis educativas que sinalan as competencias como eixes curriculares e a globalización necesaria nestas etapas? ¿Como se formula sequera a posibilidade de que poida haber diferenza entre a lingua vehicular utilizada e a dos materiais curriculares ou probas orais e escritas? É obvio que o resultado da consulta ás familias está cantado de antemán. É obvio que se lles pregunta por aspectos nimios referidos a como diminuír a presenza do galego do ensino. E é obvio que as posibles opcións de resposta non desexadas polo goberno, non se ofrecen, sen máis. Unha metodoloxía e un proceso global para a realización da consulta que cae polo seu propio peso. Neste contexto é certamente inexplicable que a dirección desta iniciativa gobernamental recaese nunha persoa en absoluto allea aos procesos de investigación científicos, e con grande prestixio no mundo da sociolingüística que ate agora defendía a necesidade compensar a lingua máis débil, tamén no marco escolar. NOVA ESCOLA GALEGA esixe ao goberno que abandone xa ese argumento insultante de que todos e todas os que defendemos a lingua somos dun partido ou dunha ideoloxía determinada.
A lingua é de todos e todas, e a todas e a todos nos compete e nos obriga.

Xunto co comunicado de prensa achégase un documento de reflexión sobre a situación actual, publicado por NOVA ESCOLA GALEGA na última edición do seu boletín NEG-Opina e que pode consultarse na seguinte ligazón: http://www.nova-escola-galega.org/almacen/documentos/NEG_Opina_09_02.pdf
En Compostela, a 15 de xuño de 2009.

Nova Escola Galega, Movemento Galego de Renovación Pedagóxica Rúa de Betanzos, 1 – 1º Esda. 15703 Santiago de Compostela Tfno/Fax: 981 56 25 77 www.nova-escola-galega.org neg@mundo-r.com

ALBA DE GLORIA. CANDO? (Rafael)

Miñas donas meus señores: Así comezaba Castelao o mellor discurso que teño coñecido sobre Galiza. Cos antecedentes próximos que temos da nosa terra nai camiñamos cara a unha alba de gloria ou cara a unha longa noite de pedra?. O tempo o dirá.


A contribución de hoxe ao parladoiro vai ser de anacos e retallos ensamblados con puntadas moi longas e moles.


Por levar un desorde empezo por onde remataba Eduardo. Vicente Ferrer. Gran home. Gran obra. Grandes seguidores. Laico santo. Ex xesuíta. No informativo da catro fixo unha esbozo Iñaqui Gabilondo laiándose de que a Igrexa non tivese sitio para el dentro do seu seo.


As andanzas do novo goberno galego non levan boas trazas. De seguiren así farán unha excelencia de Fraga e Celso Currás que no 2004 axudaron a aprobar por unanimidade o plano lingüístico no parlamento. O pai Seixas que no ano 1965 dixo a 1ªMisa en galego, en Santo Domingos de Bonaval,manifestaba con paixón que no do idioma non había que ceder nin un milímetro .Estes queren desandar o andado. Non llelo debemos consentir. Isto da consulta nos Centros de Ensino é unha trapallada. Mandeille unha carta ao Director da Voz nestes términos:


A consulta que a Xunta quere facer aos pais de alumnos sobre o galego ten todos os visos de ser ilegal. Cal é o Órgano Administrativo competente para realizala? É a Consellería de Educación?É a Dirección Xeral de Política Lingüística? E O Consello de Goberno da Xunta?.Onde está o Decreto,a Orde ou a Resolución ao abeiro do que se realiza? Foi informada a norma habilítante polo Consello Escolar de Galicia ou polo Consello Consultivo? Que fundamentos xurídicos sustentan a realización da mesma?.

O Lendakari vasco, para darlle aparencia de legalidade a súa famosa consulta, tivo que aprobar unha “ lei ad hoc” no parlamento para estar autorizado. A xornada única nos centros, para o que se debe consultar aos pais , require unhas condicións que se establecen nunha Orde da Consellería con todo detalle e foi necesariamente informada polo Consello Escolar de Galicia.

A Constitución no artigo 9 dispón que os poderes públicos están suxeitos ao ordenamento xurídico e que se garante a publicidade das normas, a seguridade xurídica e a interdición da arbitrariedade dos poderes públicos. Por outra banda o artigo 62 da Lei 30/92 de Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común declara nulos de pleno dereito aqueles actos ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido.

Cando a administración actúa a marxe do procedemento cae na chamada “vía de feito” polo que calquera administrado interesado pode acudir á vía xudicial pedindo a suspensión cautelar.

Por que a Administración Autonómica pretende actuar, neste caso, como se tratarse dunha empresa privada, facendo a consulta a través dos nenos e sen garantía de seriedade algunha?.Pida informes a asesoría xurídica como é a súa obriga.”


Non a publicaron. As axudas, incrementándoas, á prensa escrita foi unha das primeiras decisións que tomou o Consello da Xunta actual.


Eduardo amigo da lírica. Que as musas vos sigan visitando. Con ese don que tedes ti e mais Puertas podedes compoñer unhas regueifas e obsequiarnos con elas despois na sobremesa dun xantar. Aos postres teredes a recompensa nomeándovos segreles maiores da irmandade.


A parábola que nos mostras Eduardo parece unha actualización dalgunhas que se conteñen nos evanxeos apócrifos. Esperemos que non sexa premonitoria como os sonos bíblicos de Xosé.


A Torres Queiruga parece que, de momento, deixarano en paz. Ben feito. Con certa retranca, el que tan ben coñece a nosa psicoloxía colectiva, hai que dicirlle que ande con tino. Lembrarlle aquela anécdota das pintadas contra Carrillo: Anda con vista que queren matarche o porco¡en resposta a outra que dicía: Morte ao porco de Carrillo¡. Fora bromas, como acertadamente se expresaba Vilariño:”que o rumor sexa iso: susurro escuro e triste de entristecidos e desocupados”.


José Manuel Vidal, quen facilitou a noticia, ten sona de ser dos mellor informados sobre cuestións relixiosas referentes a Igrexa católica, pola cantidade de “gargantas profundas” que lle subministran as informacións. Viuse obrigado a publicar as súas fontes documentais,cousa insólita,polo intento de homicidio, morte do mensaxeiro,que intentou facer o candidato a bispo, segundo os chismes de sacristía, secretario da Comisión, Rico Pavés, acusándoo de inventar a noticia. Para saber mais ler “redescristianas” do dia 20 de Xuño actual.


Remato, hai que deixar algo para outro día,coas mesmas verbas que o facía o noso Castelao: “Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares”. Moi apropiadas nestas celebracións do solsticio de verán onde as praias de Riazor e Orzán, na noite de San Xoán,son un verdadeiro “aquelarre”, noite de bruxas e meigas que nos retrotrae aos tempos atávicos e as celebracións mais seculares da nosa historia.



N.B. Información legal: R. Decreto 3/1995 (B.O.E. 30/04/1995) no que se dispón que equivalen a Diplomado Universitario o “Ciclo de Estudios Superiores Eclesiásticos, de seis cursos, cursado en Seminarios Maiores non afiliados a Facultade”


E unha disposición vella pero hai xente do ensino que o descoñecía e podíase aportar como mérito para o acceso a Cátedras. Na década dos 70, de tantas secularizacións ,cantos camiños podería abrir este Decreto para opositar ao grupo “B”de saír 15 ou 20 anos antes.


E por se me nomeades letrado emérito da quinta57.Dígolle aos meus alumnos que nun tempo para ser avogado bastaba con saber ler as leis, de aí o sinónimo de letrado por avogado. Rafael

sábado, 20 de junio de 2009

Longa noite I (Eduardo)

Tardei tanto en escribir no blog que algúns dos temas van parecer prehistóricos; aínda así, quero saldar débedas e poñerme ao día.

Graciñas, Andrés, polo parto feliz e por ofrecerte como operador voluntario. O bebé goza de saúde (suprimín boa despois desta semana de apagón). Xa emerxeron , os primeiros, catro inéditos: López, S. Cotelo, Puertas e Paio. Xa o fixera antes Chucho mediante correo. Benvidos á rede. O infante non engorda agora, quizais polo cambio de alimentación, pero ten tempo de medrar, se o coidamos.

Ler a Rafael é coma estar ante unhas memorias colectivas. Todos os escritos que vaian aparecendo darán, polo menos, unha imaxe cubista da nosa estadía en Santiago, que se podería estirar cara ao presente, porque a actualidade manda; será un libro dixital colectivo de memorias individuais/colectivas.

Xa que temos párroco e coadxutores, propoño nomear a Rafael letrado do blog, pola información xurídica que achega.

Valor e optimismo para os que sofren con ánimo doenzas e son quen de gozar dos pequenos praceres que cada día recibimos como agasallo. Os mellores desexos para ti, Rafael.

Os curas obreiros, movemento que tanto calou no noso grupo, pretendían poñer o mundo do dereito, Rafael, que do revés xa estaba. Había que ter moito valor e seguridade para tomar decisións tan rompedoras.

Á luz dalgunhas declaracións e noticias cústame evitar temas incómodos como a López lle custaba non opinar no foro. É saudable disentir para ir facendo cambiar as doutrinas esgotadas. Os temas A. Torres Queiruga e conflito lingüístico lévannos a outros tempos. ¿Estaremos entrando noutra longa noite de pedra... e chumbo? Celso Emilio:

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
e as tebras.
Os corazóns dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.

O outro día contáronme un soño:
"Había unha vez un poderoso e rico floricultor que cultivaba vastos xardín en todos os continentes e illas.
Un mal día saíu a traballar a Comisión de Poda e Desvaste para manter limpo o seu tesouro. No suroeste europeo, no Finis terrae galaico, florecía unha planta moi valiosa, posiblemente a máis valiosa desde a anada centroeuropea, acariciada pola bondade meteorolóxica, a humidade creativa do ar e a psicofitoloxía das plantas do contorno.
Os obreiros do Señor toparon cunha flor estraña, descoñecida, provocadoramente fermosa, que desafiaba a sapiencia botánica dos empregados. Dominaban o mundo das plantas tradicionais, pero este exemplar desacougábaos e poñía en evidencia as súas limitacións. Non era unha orquídea negra pero sobresaía no xardín coma ningunha.
Os mandados consultaron co Señor, que lles ordenou afiar as tesoiras. Os seus xardíns
de sempre non necesitaban innovacións neóxenas periféricas.
Algunhas plantas amurcharon prematuramente en solidariedade. As irmás de especie, que esperaban a calor do verán para florecer noutras latitudes, encapsuláronse no seo da nai terra e non fermosearon ningunha paisaxe á espera de mellores condicións ambientais.
O interese dos turistas decaeu, as visitas reducíronse e a caixa do Señor minguou por tantos atopelos cometidos coas plantas indefensas.
Disque se planeou unha folga de celo de pétalos caídos, moitas especies renunciaron aos seus xenes e adaptáronse ás novas cirunstancias. Os narcisos, envexosos e soberbios, celebraron en secreto as ameazas anunciadas ao rival. Escasos exemplares prefiren florecer, fermosos coma sempre".
¿Cando estarán as tesoiras afiadas para cortar flores?

Volvendo ao pasado, pareceume emotivo ver no altar a cinco ex compañeiros recomendando a Severino, con homilía tan positiva de Andrés, en circunstancias tan negativas. Á volta da Coruña, escribín esta despedida:

IN MEMORIAM.
Severino Calvo Barros.

Home pícnico, bondadoso,
de corazón reloxeiro,
animador do tic-tac vital,
estrela fugaz
que cruzou o espazo noso
camiño de Belvís.

Nós, vagalumes insignificantes,
empedramos a Vía láctea,
camiño de Compostela
na procura de algo.

Os anos convividos,
relampos ou solpores demorados,
teceron unha rede,
puntos e feixes de luz,
que nos ata e libera.

Cambios de órbita sucesivos:
ausencias aparentes,
presenzas recuperadas.
Longos camiños de Emaús
ata con-partir o pan.

Presenza breve pero intensa.
Dispensador de vida,
ministro de Deus, Vida e saúde,
infusor de confianza,
orixe de esperanza.
Xeneroso cos demais
e contigo rigoroso.

Vida, misterio contraditorio:
aire e terra,
aguia e sapo,
big-gang, burato negro,
clímax, abatemento,
rutina e sorpresa.

É luz e tebra,
sima e cima,
cara e cruz.
É proxecto, compartido ou egoísta,
doazón e amizade.
A vida somos nós.

A morte, salto á vida.

Tocados quedamos:
apagouse un facho
que acendemos un día
e xuntos avivamos.

Grazas, Severino,
por compartir con todos
anos de vida e entrega.
Paz e gozo para sempre.
Amigo.


A entrevista a Andrés é moi simpática e distendida, con afirmacións importantes:
  • A lingua, distintivo noso.
  • Perda de lingua, empobrecemento cultural.
  • Federico: actitudes non presentables ética e evanxelicamente.

A saída da Cope deste predicador ateo (así se autodefiniu) e de César Vidal é unha ganancia incalculable. Mágoa que haxa que esperar ata o 31 de agosto. Á Igrexa (episcopal) vaille custar bastante tempo recuperar o crédito perdido.

Asociei o tema da lingua coa referencia que facía Rafael á asociación cultural O Facho; e cheguei a aqueles anos case heroicos nos que había unha ilusión por recuperar a democracia e a dignidade do galego e da nosa realidade cultural. Desde outras asociacións e colectivos de ensinantes tentabamos conseguir os mesmos obxectivos.

Despois de 30 anos longos, parece que as pantasmas do pasado volven axotarnos, como se da noria histórica mansasen chorros de asneiras cada certo tempo.

A Xunta publicou no 2005 Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. É a parte normativa aprobada pola RAG no 2003, consensuada co Instituto da Lingua Galega (ILGA). Creo que debemos tentar seguir este modelo para ir fixando a norma dunha lingua minorizada que xa sofre proceso de substitución polo castelán. De todos os xeitos, o máis urxente no é a normativa, senón usar o idioma, como ADN no que nos debemos recoñecer, sobre todo nestes tempos de baixón no número de galegofalantes.

Se interesa o tema, recomendo ler A lingua en Galicia, de Agustín Fernández Paz, en Encrucillada. 161.

O falso conflito lingüístico creado está provocando a saída de numerosos manifestos de protesta. Os 30.000 manifestantes chegados a Santiago o 17 de maio permiten agochar algunha esperanza de frear esta desprotección que vai sufrir o idioma propio de Galicia. Pero deste asunto temo que vai haber moitas ocasións de falar.

Onte, 19, houbo outra concentración masiva en Pontevedra para pedir a anulación do decreto que divide a provincia en dúas entidades territoriais, en contra, segundo os xuristas, da Constitución Española e do Estatuto de Autonomía. Non é un problema de localismo trasnoitado, como teño oído despachar.

Hai que lamentar a morte do ex xesuíta Vicente Ferrer, que soñou con erradicar a pobreza de millóns de persoas nunha rexión extremadamente p0bre. Estes si que son exemplos para admirar. A Fundación creada parece en condicións de seguir desenvolvendo o magnífico labor filantrópico, afortunadamente.

Eduardo Seco.

sábado, 13 de junio de 2009

SOLIDARIEDADE COS ANDRES-ES

Amigos todos: De confirmarse o publicado respecto a T. Queiruga (Fun eu Rafael G.R.o que metín a noticia no blog) penso que a todos nos entristece. Andrés é de Aguiño. Mentres viviu D.Fransisco,chamado cariñosamente por aqueles a quen honrou coa súa amizade :“O masón”,cando ía ao Cabo da Cruz achegábame a saudalo e tamén a Andrés se estaba no pobo. Os que son barbansáns saben o aprecio que en toda a zona se lle tiña ao cura de Aguiño e tamén se lle ten a Andrés.


No caso de ser certo, oxalá non o sexa, significaría que a barca de Pedro anda sen rumbo ou mellor dito que está en guerra contra si mesma ou é unha guía cega. A consecuencia aparece xa no propio Evanxeo.


Inclínome a pensar que é posible porque a min sorprendeume o artigo de Xosé Luís Barreiro Rivas -na Voz do Xoves- que titulaba “A TORRES QUEIRUGA LO PERSEGUEN LOS BURÓCRATAS”. Non ten desproveito. Por tanto é algo xa coñecido e no bispado de Ourense e Lugo, membros da comisión, din que non teñen nada que comentar. Ergo... De darse,outro día, farei algún comentario

De momento compartir a solidariedade que manifesta o noso Andrés G.V . As tristezas que pode ter el son moi superiores as miñas porque é como cando morre un pai ou un avó. Os que mais o senten, de verdade ,son os da casa. Eu vivín na casa pero logo casei para fora.


Non podo seguir. Chóranme os ollos. A medicación que estou tomando aféctame a vista. Xa tiven varias veces uveíte (inflamación da úvea) característica do Crohn. Non hai dúas sen tres Unha aperta agarimosa para todos. Rafael

Con Andrés Torres Queiruga (Andrés G.V.)

O blog vaise animando. Afacédevos a poñer o voso nome, ben no título, como fago eu hoxe, ben no remate da aportación, para que saibamos quen é o que nos dá esa alegría. Os que aínda andades pouco expertos, pedide axuda a fillos, amigos, compañeiros. Estou desexoso de ver os versos de Eduardo, "Memoria dun debate". Non hai moitos días Puertas Lema comentoume que colabora coa concellería de cultura de Camariñas e é autor de inspirados poemas persoais: ¡querémolos ver e ler!

O texto que segue é un que compartín cuns correspondentes meus aos que lles mando o evanxeo de cada domingo ilustrado con diapositivas. Trátase este enredo das diapositivas de facerlles un servizo ás persoas xordas que seguen a "Santa Misa" pola TVG. Por iso vedes as alusións ao Corpus e ao evanxeo. O texto dicía isto:

"Voy a escribir los versos más tristes esta noche…" Así empeza un dos poemas de amor de Neruda reunidos xunto cunha "canción desesperada". Non quero escribir versos tristes nin quero ter razón ninguna para a desesperanza. E se chegase, que espero que non, que o rumor sexa iso: susurro escuro e triste de entristecidos e desocupados. Ao meu admirado mestre e amigo, Andrés Torres Queiruga, este humilde testemuño de que estou ao seu lado. Se chegase a magoalo alguna condena, tamén eu –coma tantos e tantos- me sentirei magoado, ademais de confuso ante o inexplicable. Contigo, ao teu lado, Andrés. Unha aperta moi forte.

Este evanxeo do Corpus recórdanos a todos que non somos Igrexa se non chegamos a constituírnos coma Corpo de Cristo. Ese pan/corpo quen nolo dá é o Espírito do Señor resucitado, non é tarefa nin labor noso… Si que é tarefa e labor noso que a fraternidade que El agasalla e constrúe nos transforme e nos enlace de xeito que ningún ser humano se desligue desta humanísima e humanizadora comuñón das persoas e dos corazóns, dínamis que transforma o que toca, coma o Espírito transforma o pan de Xesús en presenza e graza do mesmo Señor.

Sobre este corpo resucitado e glorioso érguese a Igrexa, erguémonos todos os seguidores de Cristo e cando o comemos, destérrase a desconfianza, dilúense as condenas e prexuízos, esvaecen os reproches, convértense a autoridade en irmandade e o poder en entrega e servizo. A Igrexa sen o amor de Xesucristo é un fraude.

Para todos bicos e apertas,

Andrés GV <

Anque aquí, o procesador do blog non mo deixa reproducir, nos meus correos veredes que ao lado do meu nome poño unha figuración dun peixe. Ese é o meu logo identitario. Por un lado é a confesión de fe en Xesucristo fillo de Deus e salvador (contida nas letras gregas YJZYS = peixe) e alude ao misterio trinitario de Deus, misterio íntimo de comuñón (os tres ís) e misterio que se expande e crea (os tres signos de inclusión, do que o terceiro é unha apertura, acción do Espírito)-

viernes, 12 de junio de 2009

Comentar actualidade

Está de actualidade a noticia que publican varios medios.Se vos apetece comentala aí queda. Como dicía Severino (Deus o teña na gloria segundo o pai de Andrés) estando entre estudantes de curas,curas e ex-curas non imos falar de mulleres nen de futbol que a liga xa rematou.Nin todo vai ser nostalxía. A actualidade manda. Está tomada do "Galicia hoxe" xornal de Santiago que antes era "O correo galego"

Censura a Torres Queiruga

Indignación entre movementos cristiáns e intelectuais galegos ante a intención da Comisión Episcopal para a Doutrina da Fe, na que están os bispos de Lugo e de Ourense, de condenar a obra do galego

MARGA TOJO . SANTIAGO

O teólogo galego e profesor da USC Andrés Torres Queiruga FOTO: Antonio Hernández

O teólogo galego e profesor da USC Andrés Torres Queiruga
FOTO: Antonio Hernández

A noticia chegábanos a primeira hora da tarde a través dunha chamada telefónica da escritora Helena Villar. A Comisión Episcopal para a Doutrina da Fe, organismo herdeiro da Inquisición que vixía a hortoxia, da que son membros os bispos de Lugo -Alfonso Carrasco Rouco, sobriño de Rouco Varela- e de Ourense -Luis Quinteiro- puxo o ollo nos escritos de Torres Queiruga e elaborou un informe contrario ao seu pensamento. Un decreto condenatorio que, segundo diversos medios de comunidación, "podería facerse público a próxima semana".

Dicía Ramón Piñeiro de Andrés Torres Queiruga (Aguiño, 1940) que era o primeiro e gran teólogo galego. Un filósofo de prestixio estatal e internacional, cuxa obra serviu de acicate a varias xeracións de crentes que viron nas súas reflexións a única vía de comuñón coa fé nunha sociedade posmoderna. Por iso a noticia foi recibida entre a sorpresa e a indignación polo círculos cristiáns e entre os intelectuais galegos.

A curia nin afirma nin desmente

A xerarquía eclesiástica dá a calada por resposta. "Nada que alegar". Foi o que contestaron ambos os dous bispados a preguntas deste xornal. E na Conferencia Episcopal "que só traballa polas mañás e esta semana fan ponte porque mañá (por hoxe) é festivo", segundo un operario, tampouco nos puideron axudar. Mentres o profesor Torres Quei­ruga, que coñecera a noticia o día anterior de man do xornalista madrileño José Manuel Vidal, voaba xa cara a Chicago onde participa desde nunha reunión cos teólogos da prestixiosa revista "Concilium". Antes, o teólogo afirmaba descoñecer as intencións da Conferencia Episcopal: "Non sei nada e estráñame moito, porque ninguén falou comigo. Pero estou tranquilo porque sei que resultaría totalmente contrario ao Evanxeo cuestionar a fe e emitir un xuízo condenatorio dun teólogo sen escoitalo previamente". Defendía, en calquera caso, a súa teoloxía porque "é sempre positiva: non só é dialogante e nunca agresiva, senón que xamais cuestionei a interpretación tradicional dalgunha verdade da fe, esforzándome ao mesmo tempo por buscar unha alternativa construtiva e actualizada".

"Pobres de nós porque van vir a por todos"

En palabras de Engracia Vidal - voceira de Mulleres Cristiás Galegas e cofundadora da revista Encrucillada-, Queiruga é un sacerdote "que non nega ningún dogma, pero dálle á relixión unha explicación filosófica cunha linguaxe adaptada aos tempos para que os crentes que vivimos unha fe un pouco racional poidamos seguir a crer e a vivir na comunidade cristiá", "pero prefiro non crer que isto é verdade, prefiro pensar que é un díxome-díxome, porque, por exemplo, Quinteiro coñéceo perfectamente desde que foi compañeiro seu no Seminario, apréciao, eu creo, e se ten dous dedos de fronte non tomará unha decisión así". Daquela a relación de Queiruga coa Igrexa ofial é cordial? "En fin -continúa Vidal- hai indirectamente unha presión e a el a chámano de todas as partes do mundo, mentres a Igrexa ofial de aquí non conta con el practicamente nunca, pero que non sintan simpatía é moi distinto a que vaian condenar os seus textos, polos que deberiamos sentir orgullo".

E á "admiración" que en Galiza "habería que ter por que se faga alta teoloxía, alto pensamento, desde a nosa terra e en galego", alude tamén o profesor Francisco Fernández Rei, académico da lingua galega canda Queiruga, "moi sorprendido" pola noticia. "Creo que forma parte desta onda de extrema dereita que nos invade e nos pode ver como terroristas só por falarmos galego", expresa o filólogo, "e esperemos que todo quede nun susto ou pobres de nós porque van vir a por todos". E é que, tal como considera Ramón Villares, "prudente" porque descoñece "a veracidade da noticia, que de ser certa é lamentábel" "cos rumbos que está a tomar a Igrexa oficial tampouco me estraña".

Para a filósofa e membro do Consello da Cultura Galega María Xosé Agra, supón tamén unha volta ao "fundamentalismo, ao non deixar que ninguén abra mentes, por máis que esta abertura se basee no respecto, no intelecto, na cultura, o que dá unha mostra máis de cara a onde quere camiñar a curia".

Onte pola tarde, diversas asociacións de igrexa de base galegas, como Somos Igrexa, Encrucillada e outras, integradas na Coordinadora de Crentes Galegos, anunciaron que preparaban unha comunicación conxunta en defensa do pensador galego.


Quen fora neno¡

Aí vai a foto, dos nenos de 4ºA, con D. Manuel “Caramba”. Bispo dos seminaristas ,como se definía cando o aclamabamos. Estaba no dicionario de Raimundo de Miguel xunto coas “bufas” de Perficit, todas amarelas e cuarteadas, da Egloga e da 1ª Geórgica de Virgilio. Pasabámolas aos que viñan en cursos inferiores. Ao rematar o curso recuperábala.

Comentaba Senín que o finado bispo Araujo manifestaba que o mellor dos seminarios eran as humanidades. Penso que si. Non sei a experiencia de cadaquén pero eu se non soubese latín seríame imposible aprobar dereito romano. O texto que había en todas as facultades era dun tal Iglesias e a metade estaba en latín sen traducir. Posteriormente o que foi Reitor de Santiago: Manuel García Garrido, nos 80, fixo un texto para os que non sabían latín e xa se facía mais doado. Agradecido por tanto aos que tanto latín nos ensinaron. Con aquel opúsculo: “estilística latina” non había texto que se che resistise tendo a man tamén o dicionario de Raimundo de Miguel. Saúde para todos. Rafael

miércoles, 10 de junio de 2009

lunes, 8 de junio de 2009

A ver se consigo que a foto que aparecía no faldón se poña como as outras para que a poidades ver ampliada.Para os que andades apurados co fin de curso que vos sexa levadeiro.Para os xubilados que aproveitedes o bon que ten a vuida sen esquecerse do próximo e, para todos en xeral que a vida vos trate ben.Vou ao médico e teño que ir amodo

sábado, 6 de junio de 2009

Subir fotos.

Hola a todos:

Don Andrés é vostede un fenómeno.



Conste que veo el blog todos los días para enterarme como va la "comunidad".

Para los que tengan fotos y quieran publicarlas, es muy sencillo si las editais con Picasa 3, las sube directamente, solo teneis que darle al clic del ratón.

Haría una sugerencia, si el número de fotos aumenta mucho, se podría hacer un álbum para las mismas dentro del blog o de cualquier otro programa, usando la misma clave.

Queridos compañeros, abrazos para todos.

Pablo Payo.

Comentario fotos

A 1ª corresponde a unha tarde de xoves no campo dos cabalos. Que a date Andrés antes de irse para Salamanca. Eramos xogadores da 2ª división. Andrés, sobre todo, tíñalle a medida tomada á meta. Suárez Cotelo tampouco era malo. Eran os que primeiro se elixían para formar equipo.
A 2ª corresponde a unha obra de teatro na que aparecen vestidos de muller Isolino e García Pais. Debe ser do 66 ou 67.
A 3ª somos os seareiros do Celta de Vigo.Eramos poucos e acudiamos aos de cursos inferiores para chegar a once, Debe ser de 68. Que alguén me aclare se un deles e Quinteiro Fiuza o actual bispo de Ourense. Ao mellor estou trabucado.
A que aparece no faldón esquerdo abaixo do blog e tamén un remexido nunha visita a Belvís para xogar aquelles apaixoados partidos. Andrés que é mais entendido na administración do blog que as repoña no sitio que lles corresponda. Eu preciso algunha tarde co bolseiro de informática do Instituto.Parece que ten éxito e esto se anima como dicía Severino a quen se lle desexa o mellor. Rafael


Continuación de blog inaugurado

Ola amigos¡: Onte chamou Andrés e o documento ao que me referín tiña moitas ligazóns e vínculos e non era doado colalo. Fágovos un resumo. Trátase dunha sentenza provocada arteiramente por unha sociedade de xestión de dereitos de autor que condenaba a unha multa por baixar música e películas de internet. (Tiña unha tía, analfabeta funcional, que, cando rematei, a carreira de dereito preguntoume: a trampa cando a estudades a canda a lei ou despois a parte?) Hai uns anos que, para desatascar os xulgados, reformaron a lei de Xulgamento Criminal que permite ditar unhas sentencias de conformidade se están de acordo a acusación e a defensa. Deste mecanismo valéronse para conseguir esa sentencia que airearon en todos os informativos durante a pasada Semana Santa aproveitando o apagón noticiario Intentan amedrentar a pais e nais que ven como os fillos teñen películas de carteleira e ,sen mercar un C,D, están a última nas novidades musicais. A conclusión é a que vos copio literalmente:

“¿Conclusión? El ordenamento xurídico español es claro al respecto, y a pesar de las fortísimas presiones de los lobbies de la propiedad intelectual para cambiarlo, no existe delito en el intercambio sin ánimo de lucro de obras a través de la red. Como no existe delito en grabar una película de la tele en tu vídeo doméstico. Que no, que no se puede pretender criminalizar una conducta común en toda la población, ni difundir el bulo de que ?en España es mucho peor?, ni intentar parar lo que es completa y absolutamente imparable porque es fruto de la evolución de la tecnología. La conclusión es clara: de estos temas, no te creas NADA de lo que veas en los medios: entre lo que cuentan mal y lo que dejan de contar, la imagen que obtendrías estaría alejadísima de la realidad.”
Ata a próxima e benvidos a todos. Andei mirando nas vellas fotos e tentarei mandar algunhas. Para manexarme neste trebello teño que pedirlle ao bolseiro de informática que temos no Instituto que me poña ao día,se me dan a alta antes do remate do curso.Unha aperta para todos.Rafael




viernes, 5 de junio de 2009

Meus amigos blogueiros:

Aquí estou, encantado da vida, intentando estrear esta marabillosa ferramenta. Non sei se saberei subirme a ela porque é a primeira vez, pero heino intentar. Coma todos, quero agradecerlle a Andrés que puxera o argadello a andar. Que xeito extraordinario de xuntarnos!.

E tamén quero honrar a memoria de Severino Calvo, que iniciara o foro con aquela pregunta sobre o milagre da vida do neno andaluz: en mala hora, isto non serviu para animalo a conservar a súa.
Escribo só para probar o blog, para dicirvos que estou aquí, con todos, e para darlle a benvida aos novos que se van incorporando.

Apertas longas.

Luciano Pena

FALAR POR FALAR

Prezados amigos e compañeiros:
Saúdos a todos.

Un carnotán fumador veciño meu, despois de vinte anos sen tabaco, comezou de novo a fumar, e cando lle preguntei pola recaída, díxome, cargado de razón, que xa non podía agauntar máis.
Eu tampouco podo vencer por máis tempo a tentación de intervir nesta conversa, aínda que -xa o advirto- non teño nada especial que dicir. Por iso o que vou a poñer aquí é perfectamente prescindible. ¡Quedades avisados!

En primeiro lugar, quero expresar a pena que me produciu a morte do amigo Severino, que en paz descanse, e ao mesmo tempo a ledicia porque inauguramos unha nova canle de intercomunicación á que asomarnos. Grazas a quen o fixo posible.

Achégome agora á porta para que saibades que tamén estou aquí seguindo as conversas. O formato de blog permite separar comentarios ou respostas ás comunicacións máis sesudas, serias e académicas das outras que, como esta miña, só pretende ser "arregla pero informal" (Martirio dixit). Como se sabe, a páxina tamén permite colgar fotos, así que esperamos todos que vaian véndose moitas das antigas que conservamos dos nosos anos do seminario, así como das xuntanzas estivais. ¿Sería posible que alguén experto publicase unhas instrucións para colgalas?

Fai tempo que pensaba mandar unhas letras ao correo. Agora o medio é diferente, pero teño que referirme ao que se ten dito na páxina anterior. Desde que circulan estas mensaxes, foron aparecendo intervencións ben razoadas e rigorosas, algunhas brillantes. Moitas delas foron xa valoradas noutras posteriores. Parece que alguén suxeriu que o círculo dos que interviñan debería ser máis amplo. Algúns non saímos da casa daquela non por medo a choiva de ideas, que estas molladuras sempre son de agradecer, senón por considerar, alomenos no meu caso, que fóra dela nada proveitoso sobre tales asuntos podiamos engadir. Así que aquí parece de aplicación o tópico que recomenda calar se falar non o mellora.

Coido que foi Eduardo quen dixo que contestar é de lei. Pero non se debería concluir do silencio de quen non participa nestes intercambios de opinións que se debe a que se está incómodo ou molesto no debate, como se ten sospeitado. Pola miña parte, seguín e sigo con interese e atención todo o que se vai publicando. Tamén con admiración e unha certa envexa (envexa da boa), porque o nivel e competencia de moitos comunicados son sobresaíntes. Discrepo de Luciano cando di que a literatura galega perdeu uns bos escritores. Polo que vemos, as plumas siguen en forma; os editores poden esperar. As plumas en forma e as mentes lúcidas. Sospeito que aos nosos anos, cando un xa ten case chea a faldriqueira das crenzas e principios, non é doado que nos terreos disputados polos que andivemos e andaremos chegue alguén a convencernos do contrario ao que pensamos, pero admiro o ben que defendedes as vosas posicións. Nese contexto de dificultade para convencer ao discrepante entendín o risco da inutilidade das polénicas, que xa fai tempo se ten apuntado. Non sei se entendín ben. De calquera xeito, sabemos que a discrepancia enriquece (permitídeme outro pobre tópico). Dicía aquel que onde todos pensan igual, ninguén pensa moito.

Van aparecendo tamén frecuentes referencias ao pasado . É lóxico que os que estiveches en filosofía e teoloxía xuntos teñades moitas experiencias comúns e tan ben sementadas que non paran de agromar. Os que non pasamos de Belvís levamos o anecdotario máis baleiro, pero co mesmo afecto. Eu descoñecía, por exemplo, a habilidade romanceira de Seco, ou as competencias de Tacón no eido argumental e outras moitas facetas dos demais. Desde aquela o tempo foi tecendo a historia de cada un, ás veces por camiños imprevistos, pero non foi quen de destruir a amizade que nos une. Por certo, que admirable memoria tendes algúns, como Rafael ou Ramón Senín, a quen a súa titulación en ciencias non lle impide ter tanto latín vivindo na cabeza. Dicía o poeta que a memoria é o freo do tempo. Pero ¡que logo pasa e que arte se da o condenado para ir facendo vellos daqueles nenos do 57!

Disculpade o rollo e a súa pouca substancia. Non pretende máis que dar sinais de vida.

A Rafael, paciencia e unha boa e pronta recuperación. E a todos unha aperta moi afectuosa.

Manuel López


jueves, 4 de junio de 2009

Blog inaugurado

Estimados compañeiros e comuneiros deste sistema de comunicación que nos armou Andrés. Principio dándolle a benvida ,a José Luís ,a esta praza que nos promete tardes de gloria. Aos touros fun unha vez e no me agradaron. Teño unha amiga que lle gustan moito e sempre lle digo que non sexa vaca. Vilariño, pese a estar na Universidade, non é da escola do ex-reitor Meilán , porque non declarou inaugurado o blog;. Tén contado que como tiña que ir a tantos actos xa apuntaba se era inauguración ou clausura. Un día declarou inaugurado un curso ao remate. A gargallada que se armou foi tan grande que aprendeu a lección.

Mándovos unha información que me pasou unha compañeira avogada, se é que son capaz, se non enviareilla a Andrés para que a colgue. E útil se tedes fillos que descarguen cousas da rede. De momento pese ao interese das distintas sociedades que xestionan os dereitos de autor non é delito nin se incorre en ningún tipo de responsabilidade sempre que non exista animo de lucro ou de enriquecerse coas descargas.

Participarei e animo a que o fagan todos cando lle apetecer. Un saúdo e ata a próxima.Rafael

martes, 2 de junio de 2009

Hoxe solo quero enviar un saúdo para todos os compañeiros da "Quinta do 57", e felicitar a Andrés por levar acabo esta idea do "blog".

Gracias, Andrés, por facilitarnos esta ferramenta de comunicación. Seguro que vai fomentar a posta en común do "moito que compartimos de nenos e mozos, na convivencia dos seminarios composteláns, e agora, xa maiores, encontrándonos, festexando e crecendo como amigos", como moi ben dis, Andrés. Seguro que tamén favorecerá o debate que tan acertadamente iniciou Severino Calvo, que en paz descanse. Espero volver con mais tempo noutra ocasión e aportar textos, fotos, e sobre todo, amizade.

Unha aperta.
José Luis Suárez Cotelo

Severino Calvo e José Sanlés con D. Manuel Calvo Tojo

¡A participar!

Podemos poñer fotos, das antigas para a saudade, e das recentes para seguir na vida, sempre tan esixente de atención. Podemos poñer poemas, coma o resume en verso que fixo Eduardo Seco do foro suscitado por Severino Calvo, que Deus teña na gloria (así se expresaba meu pai), así como calquera outra aportación lírica dos que agariman a verdade depurando as palabras. Textos, fotos, e sobre todo, amizade. Cada nova aportación será un novo vínculo entre os membros da Quinta do 57.
Andrés GV