Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 31 de agosto de 2009

COPYRIGHT. Eduardo.

Cando me estaba deleitando coa lección maxistral de Rafael, do 31, sobre etnografía espiritual, decátome de que tiven o lapsus de non asinar a entrada de hoxe: "É tempo de silencio?. Pido disculpas e deixo subsanado o fallo.
O texto de Rafael pon o lureiro a un mes tan festeiro coma este en Galicia e lévanos a tempos case esquecidos e recuperados na memoria. Ás leccións xurídicas xa nos ten acostumados, por algo é o letrado da Quinta, aínda que nós non sexamos os iletrados.
Nas verdes terras que albiscou o fillo de Breogán desde a torre de Hércules, as pingas da chuvia, visitas inoportunas, petan nos vidros da ventá. Aquí a chuvia é poesía. E despois queixámonos do tempo e do clima da nosa terra!

Eduardo Seco.

PRIMA LECTIO ( 09-10) Rafael

Hoxe, 31de Agosto, día de San Ramón Nonato, acábase o periplo de descanso. Tal día como hoxe, de neno, erguiámonos co canto dos galos para que miña mai preparase as tortillas de pan e ovo para ir á romaría do San Ramón a Bealo (Boiro).Polos atallos estaba a tres horas do Cabo da Cruz
Facíanse coa rede vella que se lle quitaba aos copos dos aparellos, cando os reparaban as redeiras das desfeitas dos arroases, unhas bolsas na que se metían as sandías e as gasosas que se mercaban no campo da festa. Ao chegarmos había que buscar unha casa que che deixasen meter no pozo esas bolsas amarradas cun cordel, dos das canaveiras dos foguetes que eran moi resistentes, e que se ían a buscar a hora do xantar, despois da procesión, para refrescar o viño que acompañaba ao xantar. As sandías así, ao dereito do pozo, eran un auténtico manxar refrescante naquela tarde de verán xeralmente calorosa.

Non había neveiras naqueles tempos pero había imaxinación. Era obrigado por a roupa dos días santos. -Este ano anuncian un programa especial por celebraren o 250 aniversario-. De pequeno non me collía na cabeza que lle chamasen capela a unha Igrexa que era mais grande que case todas as Igrexas parroquiais do municipio.(Vid. foto)


Ademais ten dúas torres de campanario e un balcón accesible desde a tribuna. A súa historia recóllea o cura de Fruime D. Diego Antonio Cernadas e Castro de quen nos ten falado moito D. Manuel Garcia Garcia (Ceuta) nas clases de literatura galega que tiñamos en filosofía. Parece que se abriu ao culto en 1759. Acudían familias enteiras, ségueno facendo, do Barbanza, sobre todo mulleres embarazadas, hoxe apenas perceptibles, porque é o santo que axuda a ben nacer as criaturas. O Padre Sarmiento fala de certos lugares de Galicia no que se practicaban,dende tempos inmemoriais, ritos precristiáns vencellados á fertilidade entre os que se topaba o campo dos outeiriños onde se levantou a ermida. Alí está aínda hoxe, a chamada cama de pedra:


Alí deben durmir, facendo o conveniente, as parellas que queiran ter un fillo e non lles veña de seu polos medios ordinarios. Conteñen uns petroglifos que son testemuña deses ritos ancestrais. É un de tantos casos en Galicia que se cristianizan para substituír os ritos pagáns por cristiáns. De aí que se elixise a San Ramón Nonato como patrón do santuario en época relativamente recente.

Manterei o rótulo desta comunicación pola preguiza de non borralo. En realidade o que levo escrito non corresponde a lección ningunha. Imitando a un colega de filosofía que non daba a primeira clase do curso nin a última, alegando unha costume inmemorial universitaria, proveniente da pontificia de Salamanca que materializaba neste aserto latino: “Prima lectio non datur et última suprimatur”. Para el o costume era lei de obrigado cumprimento.

En consecuencia hoxe non hai lección e que o San Ramón teña éxito na edición do seu 250 aniversario.

Un saúdo afectuoso a todos despois desta folganza estival. Que a gripe “A” non vos desacougue porque pode ter un resultado parecido á gripe aviar. Vou intentar colgar un audiovisual, a ver se o consigo, que pode ilustrar este mundo sen sentido no que a veces temos que facer inxentes esforzos para non acabar toleando se intentamos pensar sobre o que acontece ao noso arredor.


En próximas intervencións farei algunhas anotacións a última paréstica de Ramón Senín. Segue participando que é interesante o que nos contas igual que os demais participantes.

Nora boa ao autor da última intervención de hoxe mesmo: E tempo de silencio? Intervirei decontado falando da memoria que é unha potencia da alma que se ha de cultivar como ensinaba o padre Astete.

A Antonio Puertas darlle ánimos para que pronto salga do val de bagoas en que a veces nos mete esta vida de duros contrastes, Que o netiño que empeza a vivir, ao que lle adicou eses versos tan bonitos lle serva de alivio e de esperanza. Despois do día ven a noite pero a roda non se para e sempre hai un amencer.

A Luciano Pena que dea sinais de vida. Se non ten tinta que colla o lapis ,aínda que sexa de carpinteiro, e nos aclare esta tese: “Utrum galescola aut gallina glauca sunt ad educandum puerum Enmanuelitun aut Balvinum?Se ten algunha dúbida que se aconselle con Neira Vilas que o ten perto de Bandeira en Merza..


A Eduardo darlle parabéns polas reflexións tan acertadas sobre as galiñas azuis. O estilo retranqueiro e ao “Francisco Gómez de Quevedo y Villegas” é moi chocante e deixa claro o que se quer dicir. Por hoxe mais nada. Saúde para todos e que todos se asomen a esta xanela para contarnos algo que, aínda que teñan pouca sustancia como o que hoxe eu vos conto, sempre é unha ledicia lervos. Rafael

Hoxe, tendo xa por empezado o novo curso académico, aí vos vai:

Información Legal:

Este verán foi tema de conversación e de preguntas, dos leigos en dereito, sobre se é legal gravar conversacións. En principio hai que distinguir sobre se son conversacións nas que un é participante ou non.
No caso de que un sexa partícipe da conversación pódense gravar sen ningún problema coa lei aínda que o interlocutor ignore que está sendo gravado. No caso de que un non participe desa conversación estariamos ante o vulgarmente coñecido como espionaxe e neste caso cometeriamos un delito que ademais de atentar contra o artigo 18 da Constitución: “-Se garante o secreto das comunicacións e, en especial, das postais, telegráficas e telefónicas,  salvo resolución xudicial.-”está tipificado no artigo 197 do Código Penal cunhas penas moi graves de 4 anos de prisión e multa de 12 a 24 meses: “ -O que, para descubrir os secretos ou vulnerar a intimidade de outro, sen o seu consentimento, se apodere dos seus papeis, cartas, mensaxes de correo electrónico o calquera outros documentos ou efectos persoais, ou intercepte as súas telecomunicacións ou utilice artificios técnicos de escoita, transmisión, gravación ou reprodución do son ou de imaxe, ou de calquera outra sinal de comunicación, será castigado coas penas de prisión de un a catro anos e multa de doce a vintecatro meses-”

A participación debe deducirse da conversación gravada. O razoamento que nos dan os “Iuris prudens” -de aí ven xurisprudencia-, maxistrados, tanto do Tribunal Constitucional como do Supremo, resúmese nesta cita que aparece en todas as sentencias que afirman a legalidade das gravacións:
"[...] la grabación de una conversación que tiene lugar entre dos personas y que uno de los intervinientes desea conservar para tener constancia fidedigna de lo tratado entre ambos, no supone una invasión de la intimidad o espacio reservado de la persona ya que el que resulta grabado ha accedido voluntariamente a tener ese contacto y es tributario y responsable de las expresiones utilizadas y del contenido de la conservación, que bien se puede grabar magnetofónicamente o dejar constancia de su contenido por cualquier otro método escrito. Cuando una persona emite voluntariamente sus opiniones o secretos a un contertulio sabe de antemano que se despoja de sus intimidades y se las trasmite, más o menos confiadamente, a los que les escuchan, los cuales podrán usar su contenido sin incurrir en ningún reproche jurídico."

Outra cousa, digo eu, é a ética ou moral do que se adica a gravar conversacións sen advertilo previamente. O dereito regula o mínimo para a convivencia e a ética que un se impoña pode ser mais rigorosa.

Gracias a legalidade destas gravacións pódense perseguir condutas que doutro modo quedarían impunes. Deica a próxima.




É TEMPO DE SILENCIO?

A gusto remata agosto
repleto de augustos días
consagrados a cen santos
con festas e romarías...

A sol, paseo e lecturas,
a cañas, tapas variadas,
con permiso disgustante
da Tensión acelerada.

Pantagruel, Colesterol,
traballo, setembro outonal
dadivoso en alimentos
e convivencia anual.

Na miña cota de lectura entraron dous libros distantes no tempo e curiosamente complementarios:
"Tiempo de silencio", que Luís Martínez-Santos sitúa no 1949.
"A corpo aberto", no que Manolo Rivas, Xerais 2008, retrata a época actual.
Ambos os dous son documento, crónica, noticia dos tempos respectivos.

Ricardo Gullón explica así a relación espazo-temporal do primeiro título:
"Mostra unha situación opresiva, inxustiza sistematizada, miseria extrema, brutalidade en distintos niveis, degradación ou destrución, que é o que adoita agocharse tras do silencio forzado por unha situación ditatorial".

Xesús Pardo, prologuista, completa:
"Engádese a alternativa mortal en que vivía todo o que pensase, por pouco que fose, e non se sentise identificado co réxime: calar ou expoñerse á represión, que podía ter moitos aspectos: desde o cárcere ou o exilio ata a persecución no ambiente de traballo e incluso na vida cotidiana".

Ao final da novela, Pedro, protagonista derrotado polo ambiente, pensa en voz alta:
"Hai algo que explica por que me estou deixando capar e por que nin sequera berro cando me capan".

E conta unha historia didáctica:
"Cando os turcos capaban aos seus escravos nas praias de Anatolia para producir eunucos de harén, deixábanos enterrados na area da praia e a moitas millas de distancia, os navegantes en alta mar podían oír arreo[...] os seus berros de dor , de protesta ou de despedida da súa virilidade.
Sistema eficaz de asegurar a asepsia, enterrados ata o van na area, que é substancia limpa, absorbente, que non permite que se pudran as secrecións, que as elimina e carece de xermes patóxenos, impreganada en ido e outros sales mariños de acción carminativa".

Segue pensando:
Pero mellor isto de agora, en que non só non se berra, senón que nin sequera se sente dor e, por tanto, non se pode servir de faro acústico aos incautos navegantes"[...]
"É un tempo de silencio".

No polo oposto deste imán septuaxenario que aínda atrapa a moitos, están os capítulos de "A corpo aberto":
- "Garzón, Antígona e a memoria histórica". Páxina 213.
- "O barco da memoria". A historia esquecida dos pescadores republicanos.
Páxina 218.

Rivas achéganos á dor silenciosa da familia de tantas persoas paseadas (vaites co eufemismo!)e desaparecidas durante a guerra e na década dos corenta, coa guerra oficialmente rematada, e a barbarie continuada. A historia da familia de Isaac Díaz Pardo pon os pelos de punta.

¿Non teñen dereito a recuperar os restos dos seres queridos tirados en foxos anónimos?
¿Seguimos en tempo de silencio?
A coiraza defensiva impide abrir o corpo á xustiza e á caridade. Non resucitan vellos fantasmas nin inauguran laboratorios sociais prebélicos. Por razóns humanitarias, simplemente, parece ruín negarlles o dereito. Outros están aínda nas fachadas das igrexas, como "caídos por Dios y por la Patria". Trátase só de ter o corpo aberto á dor dos vencidos, que só tiñan a forza da razón.
Estes días atoparon en Lario (León)os restos unha mestra e dun mestre torturados e asasinados no 36. Laurentino, o fillo dela, dixo: "Sinto dor, pero peor sería irme sen atopala". O fillo ten agora 91 anos.

¿Por que seguimos esixindo silencio no 2009, despois de 70 anos? Xa non é por medo, senón por querer interpretar a historia con gafas de cego, por temor a descubrirlles a outros a verdade (realidade)da guerra e dos primeiros anos de ditadura. Hai persoas que aínda senten dor coma os escravos da historia.

¿Por que se pon tanto reparo á recuperación de corpos e da memoria por parte de certas faccións da dereita e da Conferencia episcopal?
Só alcanzo a descubrir dúas razóns:
- Apego inconfesado ao franquismo.
- Odio ao presidente do Goberno.
A asignación razón-grupo corre da túa conta, lector amigo.

lunes, 24 de agosto de 2009

A galiña secuestrada e travestida

Baile Átha Cliath, 24.
(Así se di Dublín en gaélico, outra lingua minorizada coma o galego).

Cando estaba nominado, opor ingresar nómina cada mes, adoitaba eu desconectar do consumismo informativo, por rachar coas rutinas espazo-temporais e por automedicación psicolóxica antiestrés.
Agora que estou pensionado, procuro facer o mesmo. Aínda así, topei cunha noticia que quero comentar:
ESCOLAS DA GALIÑA AZUL OU GALIÑESCOLAS.

Confeso a miña simpatía pola Galiña azul de Carlos Casares, porque reivindicaba o dereito a ser diferente: foi á plumaquería e tinguiuse de azul,cantaba cocorocó, tiña catro plumas vermellas, e ata era espiada e perseguida por Manolito Listón, un cacique que quería galiñas como é debido: brancas e que fan cacaracá.

Pero os habitantes da vila, solidarios e cansados de tanto abuso, pintaron de azul todas as galiñas para camuflar e librar da morte á galiña libertina.¡Unha revolución popular contra as inxustizas de Manolito!¡Un Fuenteovejuna de galiñeiros socorridos!

Era, pois, unha galiña-protesta, revolucionaria, merecedora de ter cocoreado en París hai 40 anos. Era a metáfora dunha época para superar a censura.

Pero a Galiña da rede escolar infantil está cambiada: aquela tiña pluma, esta tena oculta; aquela revolucionaria, esta moi conservadora; aquela libertaria, esta vestida con pixama de raias de reclusa encadeada ao logotipo; aquela era independente, esta ao servizo do sistema; aquela era azul, esta albiceleste, imaxe da bandeira de Galicia. E se temos bandeira e logoescudo, necesitamos un himno: "Churra, churras", dos Herdeiros da Crus. Nós na escola tamén cantabamos "Cara al Sol".

Algún psicanalista dixo que querían pintar unha gaivota, pensaron na aguia (imperial)
e saiulles a galiña. Misterios do subconsciente.

A gaivota luciía moito máis: é salvaxe, é ave do ceo, xoga coas nubes negras e dorme nos ventos mareiros; conquistou o litoral galaico no pasado e agora avanza á conquista da meseta, ten graxos case humanos e tamén é azul. É certo que moitas viven da carroña dos vasureiros e que presuntamente emporcallan tellados e fachadas, pero estas aguias non son o que comen e gozan da presunción de inocencia, pois xa estamos nunha "democracia sólida". Pero ademais sempre o fan, presuntamente, desde as alturas, como mirando por riba da á dereita.

A galiña, en cambio, está domesticada, non levanta voo, xoga cos bechos escarabellados na vasura, é conquistada por calquera granxeiro ou cociñeiro desalmados, dorme no sucio pau do galiñeiro, está á altura da sola dos zapatos e é mal falada porque manda huevos.

Podería ser outro animal, pero vese querenza polos bípedos de pluma. A bibliografía de Casares ofrece tamén "O can Rin (amizade) e o lobo Crispín" (independenza), e "Un polbo xigante" (gastronomía típica identitaria). Incluso se podería unir "A Galiña azul" con "O Galo de Antioquía" para evitar discriminacións de xénero e crear ambiente de familia como debe ser.

Entre as mascotas humanoides, temos "Lolo en bicicleta" (deporte-ecoloxía) ou a Toribio, complexo bioproteínico enriquecido con aroma de toro hispánico; de entre os títulos da serie, o mellor sería "Toribio ten unha idea", porque esta nova escola é moi ambiciosa:
"Nuestro objetivo es formar a los ciudadanos librepensadores, portadores de derechos universales y actores protagonistas de la libertad que debe caracterizar a la democracia sólida".
Xesús Vázquez, conselleiro de Educación.

Seguro que estes obxectivos , con nenos/as de 0 a 3 anos, se consegue no primeiro trimestre e despois... a repasar! Para tales pretensións, ¿que mellor ca unha aguia ou unha gaivota, con altura de miras e miras de altura, coma o conselleiro.

Hai outras alternativas. Para unha escola divertida coma un circo temos a famosa Galiña Turulata, que pon ovos de verdade; o Ratón de Susanita ou Susanita a do Ratón.
A vaca era o tesouro dos lobregos, pois aí está "A Marela Tarabela" de Neira Vilas.
¿E por que non Xacobe, como obertura de ano santo , de tanta tradición peregrina?
Mais eu teñño outro candidato con mellor currículo: Manolito Listón, por Manolito, por Listón e por espía.

¡Pobre galiña literaria e pobre Carlos, que foi un galeguista de verdade con problemas co TOP, defendeu e dignificou o galego e dirixiu Galaxia, nacida en 1950 para loitar contra o franquismo mediante a cultura! ¿Que comentará estes días nas sobremesas con san Pedro?

Esta galiña non pode ser a marca dunha escola que quere nenos/as como é debido, como as galiñas brancas de Listón, nenos/as castelanfalantes. ¿Haberá outra enquisa para saber a opinión dos pais e nais?

Comentarios serios merecen estaa ideas dos conselleiros:

"Hoy presentamos una imagen fresca y novedosa que tiene que ver con lo que queremos hacer de nuestra red infantil, despolitizada y desideologizada".
Conselleiro de Educación.

"El logotipo representa unha educación infantil libre de adoctrinamiento y sin ideología, integradora, en igualdad y lejos de adjudicar una identidad preestablecida a los niños, que fomenta el pensameiento propio".
Beatriz Mato, conselleira de Traballo.

Parecen acusacións moi graves, tamén para as persoas que traballaron nas galescolas, e ademais infundadas, porque tentar politizar ou despolitizar a escola é un obxectivo imposible de alcanzar nestas idades; tería que ser deseñado por mentes paranoicas.

Galescola é escola galega, ¿que ten de malo? A galescola estaba menos politizada do que vai estar a galiñescola, poque o que politiza a escola é acusar ou insinuar que antes estaban os malos e agora chegan os bos.

A ocorrencia da galiña quere transmitir á sociedade a idea de marca, pero a marca da escola é o persoal cualificado, a dotación económica e os medios materias, e isto non se consegue cos recortes anunciados, nin se vai enganar a ninguén co logotipo.

As escolas de maiores poden ser politizadas por ideoloxización ou por desideoloxización. Habería que demostrar que os creadores das galegoescolas perseguían un plan ideoloxizador; tamén gozan de presunción de inocencia. Os pais falan moi ben deste servizo extinguido.
Pero quizais os granxeiros da galiña azul teñan un plan desideoloxizador evidente, porque o galego empeza a ser unha ideoloxía que hai que combater, por iso está sendo atacado en varias frontes.

Na nova linguaxe deturpada, escola desideoloxizada significa castelanizada, e escola
despolitizada quere dicir non galeguizada, ou viceversa.

¿Hai linguas que teñen máis carga política e ideolóxica ca outras. Os lingüistas e politólogos din que non. Os políticos desideoloxizadores din que si.

Eduardo Seco.

sábado, 22 de agosto de 2009

MIS POESIAS

O MEU NETO

O meu neto é un anxeliño,
O meu neto é un lucero
Que porta a candela amodiño
E aluméa a porta do ceo.

O meu neto cumple un aniño
E,o fulgor,crarifica o que creo:
Que non hay máis grande ledicia
Que ver que deixas relevo.

Antonio Puertas

O PRIMER aniño de vida do meu neto ANDRE.
¡¡¡FELICIDADES

martes, 18 de agosto de 2009

Suevos con gornición de santidade

Mañá nubrada,fría e chuviosa en Dublín. Parece que cambiei de hemisferio, despois dos tórridos días anteriores ao 15 en Sanxenxo, a pesar de estar a menos de dúas horas de Santiago.

Quedábame pendente a impresión dunha viaxe por terras da antiga Panonia (a actual Hungría). Alá lembreime de san Martiño, menos coñecido para nós, que naceu naquelas terras polo 515, e veu a Galicia como emisario de Xustiniano, emperador de Bizancio, para concertar unha alianza contra os visigodos.

Tras visitar Roma e as Galias, trasládase aquí "por inspiración divina", para misionar os suevos. Os suevos, gobernados, entre outros, polo rei Teodomiro, formaron o primeiro reino da península Ibérica, desde o 411 ao 585. Eran uns 35.000 e asentáronse na zona occidental de Gallaecia, aproximadamente os conventos Bracarense e Lucense, no sur de Galicia e norte de Portugal.

Teodomiro (559-570) organizou o reino, dividiuno en dioceses e condados e potenciou o desnvolvemento político e cultural, protexeu a Igrexa católica e covocou o I Concilio de Braga (561)e o de Lugo(569).

Neste labor do rei participou activamente Martiño Dumiense, que antes o convertera ao catolicismo e con el, aos suevos, por decreto.

Coa conversión de Teodomiro ao catolicismo levantáronse en moitos lugares de Hispania contra os visigodos, que eran arianos; así conseguiu o Reino suevo ampliar a súa influencia política nos territorios limítrofes, mentres os visigodos a ían perdendo. Os suevos, antes da conversión, eran tamén arianos e seguidores de Prisciliano.

Martiño ocupou sucesivamente as dioceses de Dumio e Braga, de aí os nomes cos que se coñece. É o autor de "Parroquiale suevum", valioso documento, único na península Ibérica e mesmo en Occidente na data da súa elaboración: 572 a 592. Nel describe as bases da organización eclesiástica da época: existían varias ses ou cátedras, é dicir, dioceses rexidas por bispos. As ses estaban divididas en parroquias, gobernadas por arciprestes. A sé metropolitana ou principal tiña xurisdición sobre as outras dioceses do convento xurídico.

As ses episcopais suevas era Britonia (Mondoñedo), Iria Flavia, Lugo, Caldas de Reis, Ourense, Astorga, Tui, Braga (metrópole), Dumio, Porto, Lamego, Viseu, Coímbra e Egitania, en Portugal as sete derradeiras).

A instancias de Martiño levantáronse mosteiros e construíronse templos. Tamén organizou a Igrexa galega e escribiu "De correctione rusticorum", curioso tratado de normas e consellos para combater as numerosas supersticións pagás que aínda conservaban os labregos de Galicia. Moitas aínda se conservan hoxe, co beneplácito ou colaboración dos pastores.

San Frutuoso, no século VIII, ocupou as ses dumiense e bracarense e levantou mosteiros e igrexas, seguindo as pegadas de san Martiño.

En Braga, hai pouco, puiden fotografar a tumba de san Martiño de Panonia, que ocupa lugar de honra nuha capela do museo de catedral. Noutra esquina do claustro teñan á venda a famosa pastoral para corrixir os rústicos supersticiosos.

Evidentemente, non falan os/as guías destas remotas historias, senón das consecuencias desastrosas da I e II Guerra Mundial e da lenta recuperación artística tras 40 anos de ocupación soviética. Tamén do sepulcro de Puskas, soterrado na igrexa-catedral de Matías, en Buda, para satisfacción dos madridistas preflorentinianos.

Artísticamente, moita arquitectura anacrónica, é dicir, gótico, renacentista e barroco construído no século XIX, para semellarse a París e, sobre tdo, a Viena na épocoa gloriosa do Imperio austrohúngaro, con Francisco Xosé I e Sisi.

Eduardo.

jueves, 13 de agosto de 2009

Sinais de vida. (Eduardo).

Tarde calorosa de agosto, cinco comentarios breves sobre as últimas novas:

1.Convivencia.
O programa é gorentoso, gastronómica e paisaxisticamente.Unha pena que as horas só teñan 60 minutos.
Rafael,Pirraques, quere que lamentemos non ter aceptado antes a invitación a este lugar mítico (Medulio?)de Galicia.

2. Pasamento.
De don Juan José Franco teño a impresión agora, daquela eu non discernía ben, de que nos abría unha rendixa para renovar o aire daquela burbulla na que viviamos no Seminario Maior.
Lamentable que adquirise só uns días antes o dereito a ser soterrado no claustro da catedral.

3. Parábola de Trillo.
O artigo incorporado por Rafael ao blog contén afirmacións que outros, en privado, vimos defendendo. Xa está ben de cargar todos os problemas sobre os alumnos sen que o resto da comunidade educativa (sempre hai excepcións honrosas) faga algo por remedialos. Os numerosos alumnos/as responsables,educados e estudosos, que os hai, merecen un respecto e teñen dereito a non seren trituraddos na moega dos pasotas e desmotivados.
Constantino denunciaba unha realidade somerxida que poucos queren sacar á superficie. É más fácil falar de fracaso escolar e apocalipses.

4. Parésticas.
Está claro que Senín quere caña e fai afirmacións sobre Fede e a Lei de Memoria Histórica que merecerían comentarios grosos. Pero por ser agosto e por ser parésticas, poden esperar mellor ocasión. Non quero turbar o lecer merecido de ninguén.

5. Fotos a Henrique:
Algunhas fotos teño, pero neste mes non as podo mandar por falta de escáner e de tempo. Paréceme interesantísima a da orla(1969), aínda que supoño que xa lla mandarían.
Os primeiros días de setembro podería enviala, se non a ten.

Eduardo Seco.

miércoles, 5 de agosto de 2009

ORDE DE BUSCA E CAPTURA (Rafael)

O noso compañeiro Enrique Vázquez Pose encoméndame que poña no Blog que busquedes, rebusquedes e capturedes cantas fotos teñades dos tempos gloriosos de Seminario e llas remitades, vía correo electrónico, evp.33152@hotmail.com. Valen individuais ou de pequenos grupos. Está traballando na confección dun reportaxe fotográfico que , no momento procesual oportuno, nos entregará coa valiosa colaboración doutros compañeiros que lle entregaron xa o que agora solicita de todos. Eu aceptei o encargo de pregoalo mediante o presente apuntamento. Agora toca aos seguidores cumprir conforme ao solicitado. Dada conta. Habilítase para eses efectos o presente mes de Agosto

sábado, 1 de agosto de 2009

Mis Poesías

CANTA PAJARILLO

Canta,canta pajarillo
Que el invierno aun no llegó,
Cántale a la luz del día
Canta a los campos en flor.

Canta y cuida tu nido
Y no hagas caso del dolor
Que éste,sin que tu lo busques,
Te lo traerá tu amor.

Antonio Puertas